top of page
MVI_1071.MP4

Voces

Vistas da ría desde o peirao de Aldán I JAVIER RODRÍGUEZ

Praia de San Cibrao, Aldán I  JAVIER RODRÍGUEZ

Dentada ao Morrazo

A ría de Aldán é un entrante costeiro no extremo da península do Morrazo, que separa as rías de Vigo e Pontevedra. Trátase dunha das máis pequenas das Rías Baixas. 

Desde un punto de vista xeomorfolóxico, algúns académicos considérana máis ben unha enseada dentro da ría de Pontevedra, alegando que non a orixinou a erosión dun río. 

Porén, o uso do termo “ría” responde tamén a unha convención xeográfica amplamente estendida en todo o litoral galego, onde estes entrantes costeiros constitúen un dos seus trazos máis definitorios. 

Deste xeito, a tradición local, continuidade cartográfica e investigación científica segue a denominala como ría. 

Doutra banda, a extracción e transformación do recurso mariño foi historicamente un piar socioeconómico clave nesta comarca, que caracterizou e condicionou a vida nas vilas, centradas fundamentalmente no mar.

Particularidade deste accidente xeográfico é tamén a súa orientación. Ábrese en dirección nornoroeste cara a ría de Pontevedra, mentres que o resto adoita abrirse cara o atlántico en dirección suroeste/ oeste.

 ​

Esta inusitada característica, sumada ao seu pequeno tamaño, favorece a renovación da auga, o que supón unha vantaxe para a saúde do ecosistema e, polo tanto, do recurso mariño. 

 

Con todo, malia a relevancia que a pesca tivo durante décadas na ría e ás condicións xeográficas favorables para esta actividade, nos últimos anos o sector atravesa diversas dificultades, enmarcadas nun proceso de terciarización da economía, o que supón o aumento do peso do sector servizos e do turismo. 

Nunha escala máis reducida, centrada na ría de Aldán, as tres parroquias directamente vinculadas ao seu litoral son Aldán e O Hío, no concello de Cangas, e Beluso, en Bueu.

Os concellos que lindan coa ría son os de Cangas do Morrazo e Bueu

Os datos oficiais do Instituto Galego de Estatística (IGE) para os concellos de referencia —Cangas e Bueu— reflicten unha redución progresiva da presenza das actividades agrarias e mariñeiras no conxunto da economía local, ao tempo que se consolida unha maior orientación cara ás ocupacións vinculadas ao ámbito terciario. Aínda que as series estatísticas dispoñibles non permiten cubrir un arco temporal moi amplo, poden identificarse con claridade os cambios estruturais producidos nas últimas décadas.

En Cangas do Morrazo, a porcentaxe de afiliacións á Seguridade Social nos sectores da agricultura e da pesca pasou do 12,8 % en xuño de 2009 ao 5,6 % en marzo de 2026, o que equivale aproximadamente a un descenso do 56 %. Pola contra, o sector servizos incrementou a súa presenza, pasando do 60,67 % ao 72,1 %.

En Bueu obsérvase unha evolución semellante: o sector primario reduciuse do 19,6 % en 2009 ao 10,1 % en 2026, mentres que os servizos medraron significativamente. En conxunto, estes datos suxiren que, malia que a cultura mariñeira continúa a ocupar un lugar central na memoria colectiva e na vida local, o seu peso no emprego formal é cada vez menor, unha dinámica que tamén se aprecia no conxunto da comarca.

Afiliacións á Seguridade Social segundo actividade económica no Morrazo (%)

Entre Punta Couso e Cabo Udra

Porén, máis aló da imaxe asociada ao turismo e ao veraneo, a ría tamén é escenario de traballo e accións colectivas arredor da conservación dunha forma de habitar a costaOs principais medios de comunicación galegos recolleron nos últimos anos diversas iniciativas impulsadas por colectivos e persoas implicadas, cuxas achegas resultan clave para comprender as transformacións e dinámicas deste enclave litoral máis aló da tempada estival.

Un dos colectivos con maior presenza pública nesta defensa do territorio é a plataforma cidadá Augas Limpas, integrada por veciños e veciñas da zona que denuncian as recorrentes verteduras ao mar e reclaman a reparación das deficiencias no sistema de saneamento. A problemática afecta directamente á depuración do produto mariño extraído da ría, prolongando os tempos necesarios para a súa comercialización e repercutindo especialmente na pesca artesanal e nos profesionais agrupados na Confraría de Pescadores San Cipriano de Aldán-O Hío. 

 

Xunto á presión derivada destas verteduras, a veciñanza sinala tamén outros impactos asociados ao aumento da actividade turística e náutica. As asociacións veciñais denuncian cada verán a saturación das infraestruturas e as dificultades de mobilidade que sofre a zona durante os meses de maior afluencia. 

Ao mesmo tempo, existen outras formas de contaminación relacionadas coa propia actividade marítima, como os residuos asociados á pesca ou ao fondeo de embarcacións recreativas. Neste contexto, mergulladores e profesionais do Centro de Buceo Rías Baixas participan ocasionalmente en inmersións destinadas á retirada de lixo mariño e á documentación do estado dos fondos.

 

Non obstante, os investigadores con proxectos científicos activos na ría coinciden en que, polo momento, esta degradación non alterou de maneira severa a riqueza da súa biodiversidade. Sitúan estas problemátics no marco das múltiples ameazas derivadas da actividade humana sobre o ecosistema mariño. 

A ría de Aldán constitúe, así, unha manifestación local dun fenómeno máis amplo: a progresiva transformación de territorios historicamente ligados ao mar en espazos cunha baixa densidade poboacional e unha limitada capacidade para atraer atención política e investimentos estruturais.

Fronte a estes cambios, emerxen tamén iniciativas orientadas á conservación da memoria histórica e do patrimonio mariñeiro, co obxectivo de manter viva a identidade vinculada ao mar e á ría.

A saturación, a insuficiencia das infraestruturas, a acumulación de residuos, as verteduras ao mar ou a perda de memoria histórica son algunhas das preocupacións que inquietan á xente de Aldán e que constitúen diversas perspectivas dunha cuestión en común. Ao mesmo tempo, este espazo tamén recolle a outra cara da realidade: a mobilización veciñal, a conciencia ambiental, o estudo do medio mariño e a persistencia dunha cultura profundamente ligada ao mar.

bottom of page