top of page

Jesús S. Troncoso e Daniel Rey, catedráticos da UVigo, impulsan a investigación mariña na ría de Aldán 

DIBUJO_CIM.png

A fauna do fondo da ría de Aldán foi obxecto de investigación durante as últimas décadas. Jesús Souza Troncoso é catedrático en ecoloxía e bioloxía animal na Universidade de Vigo, cunha ampla traxectoria de investigación en biodiversidade mariña. Entre os seus traballos, dirixiu dúas teses centradas na ría de Aldán.

 

Neste contexto, o Centro de Investigación Mariña (CIM) da UVigo, do que forma parte, apostou pola instalación dunha plataforma para facilitar a obtención de datos sobre o seu estado ambiental e apoiar a investigación científica na zona. Daniel Rey, director do CIM, salienta a eficacia da batea experimental. 

PORTADA_CIM.jpeg

Un sistema que achega información en tempo real e facilita a comprensión da dinámica da ría de Aldán.

Vídeo: cedido polo CIM. Fonte orixinal: Youtube

A batea experimental do CIM é unha plataforma mariña equipada con tecnoloxía e sensores que permite estudar en tempo real as condicións do mar, do crecemento dos mexillóns e da biodiversidade.

Conta con instrumentos que miden parámetros como a temperatura, salinidade, osíxeno, correntes ou luz, ademais dunha estación meteorolóxica e sistemas de control remoto para facilitar a investigación continua e en aberto.

Vídeo propio. Autoría: Javier Rodríguez

Coñecer e restaurar o territorio

Un dos proxectos que se está a desenvolver na ría de Aldán (e tamén na ría de Vigo) é CLIMAREST, financiado pola Unión Europea a través do programa Horizon Europe. O seu obxectivo principal é a restauración dos ecosistemas mariños afectados pola actividade humana e polo cambio climático.

Nesta liña, desenvólvense prácticas de acuicultura restaurativa ou multitrófica, nas que os residuos xerados por unha especie son aproveitados como recurso para o cultivo doutras, favorecendo así sistemas máis eficientes e sostibles.

Deste xeito, aprovéitase a materia orgánica xerada no cultivo do mexillón para avaliar o seu aproveitamento ecolóxico e o seu efecto sobre especies como o bogavante europeo, unha especie afectada pola sobrepesca e a degradación dos hábitats.

Jesús Troncoso dirixe o grupo de investigación de Ecoloxía Costeira (EcoCost) do CIM, que participa no proxecto. O catedrático explica que na batea de Aldán se instalaron dispositivos experimentais de cultivo nos que se introduciron exemplares xuvenís de bogavante para avaliar o seu crecemento e supervivencia. 

Vídeo propio. Autoría: Javier Rodríguez. Inclúe imaxes cedidas polo CIM

A batea está tamén a ser de grande utilidade tras a instalación de sensores de luz que permiten estudar o impacto da contaminación lumínica na produtividade biolóxica dos ecosistemas mariños.

No marco do proxecto Gaia4Sustainability, o CIM colabora co Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e Comunicación (CITIC) da Universidade da Coruña para rexistrar os efectos que a luz nocturna provoca no medio mariño. Deste xeito, apostan por un estudo rigoroso deste fenómeno e da súa influencia no funcionamento dos ecosistemas mariños, co obxectivo de contribuír á súa conservación e mellorar a xestión dos espazos costeiros.

Unha ría de gran riqueza

Vídeo propio. Autoría: Javier Rodríguez

Unha das conclusións dos estudos de biodiversidade dirixidos por Jesús Troncoso é a elevada riqueza biolóxica da ría de Aldán. Estes traballos céntranse na fauna bentónica, que o catedrático define como aqueles organismos que viven asociados ao fondo mariño ou moi próximos a el, incluíndo tanto a epifauna (a que habita sobre o fondo) como a infauna (a que vive enterrada nos sedimentos), e que, en moitos casos, pasan desapercibidos polo seu pequeno tamaño ou pola súa escasa visibilidade.

A súa orientación particular e o reducido tamaño da ría favorecen unha maior renovación da auga en comparación con outras rías galegas. Este factor, xunto coa achega de materia orgánica, dá lugar a unha elevada abundancia e diversidade de especies, segundo sinala Troncoso.

As principais ameazas deste ecosistema mariño derivan, como é habitual na degradación dos medios naturais, da actividade antropoxénica. Nesta liña, Daniel Rey incide na complexidade da relación entre o ser humano e o medio, que afecta —de forma directa ou indirecta— á diversidade da ría desde múltiples frentes.

Un dos aspectos que o director do CIM destaca como fundamentais para garantir a supervivencia dos hábitats mariños é a concienciación e a divulgación sobre a importancia da relación entre o ser humano e o medio. A poboación asentouse historicamente no litoral, xa que o océano resulta esencial para a vida humana, polo que é clave promover a educación e a sensibilización sobre a necesidade de preservar os ecosistemas mariños. 

"Temos moitos programas que están orientados precisamente a introducir nos currículos de primaria e secundaria a trascendencia da relación, entre o humano e o océano que é o que chamamos cultura oceánica ou alfabetización oceánica, porque é clave cando esas persoas cheguen a postos de decisión que teñan claro cal é a posición a tomar. Ou sexa, non todo é un control da estrutura dos ecosistemas e a súa observación, senón que é necesaria unha explicación de cal é a dinámica destes espazos en termos de saúde", sostén Daniel Rey, que incide na urxencia de incluír o impacto do ser humano no océano dentro do corpo básico de coñecementos, xunto ás outras materias troncais.

 

bottom of page