top of page

Salga, lata e ruínas

Ampliando a ollada cara a unha concepción da natureza que integra a presenza do ser humano e a súa pegada no territorio, para abordar a preservación da ría de Aldán resulta imprescindible atender á súa historia.

A orografía e os trazos xeográficos da Península do Morrazo limitan o asentamento humano a unha franxa costeira estreita, con numerosos abrigos naturais que a converten nun espazo idóneo para infraestruturas ligadas á pesca. Así, a poboación viviu sempre —en maior ou menor medida— do mar: primeiro nun réxime de subsistencia e despois a través dunha relevante industria conserveira que acabou desaparecendo, deixando hoxe a pesca e o cultivo do mexillón como as principais actividades neste ámbito. 

Ademais da protección do ecosistema, a preservación da ría pasa tamén por non perder de vista a súa memoria histórica. Cómpre, por tanto, afondar no antes, no durante e no despois da industrialización da zona, un proceso que deixou fondas pegadas na contorna e nas formas de vida da súa xente. A seguinte liña temporal interactiva contextualiza a importancia do sector conserveiro na historia de Galicia. 

Galicia, terra de conserva

Aparellos de prensa

prensa catalá.jpg
Praia_do_Pedrógão_-_Xávega_IMG_20170918_110723_(37313390575).jpg
Fernando Moital from Évora, Portugal, CC BY 2.0, via Wikimedia Commons 

O paso do sal á lata

Familias catalás de Udra a Couso

A inédita chegada de máis de 15.000 empresarios cataláns a unha terra afeita á emigración supuxo un cambio profundo na organización socioeconómica das localidades galegas

 

Unha das numerosas actividades económicas que desenvolveron á súa chegada foi a extracción da sardiña para o seu posterior tratamento e comercialización en novos mercados. En consecuencia, introducen novas instalacións e artes de pesca, como foi a “xávega”, e un sistema inédito de conserva que mesturaba a salazón e o prensado. 

Xávega

Rui Ornelas from Lisboa, Portugal, CC BY 2.0, via Wikimedia Commons

Autodenomináronse fomentadores aqueles comerciantes que impulsaban o desenvolvemento da pesca e a transformación dos recursos mariños na Galicia do s.XVIII. Este termo orixinou certo rexeitamento entre os galegos, así como distintos conlitos entre a poboación local das zonas nas que se asentaban. 

Tralo seu asentamento definitivo, a partir do 1750, a salga pasou a ser unha actividade propia dos fomentadores cataláns. Ao migrar xunto as súas familias, adoitaban practicar a endogamia, dando lugar a longas dinastías de apelidos cataláns asociadas á explotación pesqueira durante xeracións. Se ben non se adoitaban emparentar con nativos galegos, cando o facían era sempre con familias de alta clase social. 

 

As fábricas catalás intaláronse en peiraos pequenos, onde a actividade de grandes colectivos vinculados ao mar non interferisen coa súa actividade. Así, escolleron lugares como Aldán, O Hío ou Beluso —entre outros—, que contaban con espazos e xente con coñecementos adaptables ao oficio do mar. O lugar escollido é sempre á beira do mar, onde a veciñanza non edificaba por medo aos saqueos por parte de piratas. 

As conversas e o material arquivístico familiar cedido por Luis Pérez, descendente de fomentadores cataláns; a consulta da tese de María Núñez Caamaño Fábricas de Salazón, patrimonio pre-industrial en Cangas —cun minucioso inventario da presenza deste tipo de instalacións na contorna da ría de Aldán— ; e outras aportacións como as de Xosé Mª Cerviño, no relativo a Beluso, permiten trazar un mapa que recolle as factorías dedicadas á salga arredor da ría de Aldán:

Algunhas das causas que orixinaron o declive a salga do peixe na ría de Aldán foron a perda de importancia comercial do peirao de Cangas, o acopio obrigatorio da sal (obrigando a desembolsar o importe da sal e repercutindo directamente nos seus beneficios) e o forte gravame fiscal. Tamén resultou especialmente prexudicial a inestabilidade lexislativa que chegou a prohibir o uso da Xábega e o Xeito, artes de pesca fundamentais na captura das sardiñas. Outro factor, que provén á súa vez da explotación pesqueira, foi a escaseza da sardiña e o alto prezo da sal.  Isto conleva o peche definitivo ou intermitente das instalacións de salga, converténdose —en moitos dos casos— en instalacións para a conserva en lata.

Na primeira fase da conserva, Utilizábase o cristal xunto á lata de importación como envase, e o aceite do Levante español para cubrir o contido. O peche das latas era manual, produción artesanal e de pequena dimensión, moi diversificada no relativo ao producto xa que, máis aló do peixe, tamén se incluían outros como carne ou legumes.

Arredor da primeira década do século XX as conserveiras galegas alcanzan a madurez, consolidándose a nivel mundial como unha das máis fortes. Neste contexto, esténdese a soldadura mecánica das latas, un avance tecnolóxico que reduce moi considerablemente o traballo manual dos soldadores e reduce os custos.

A zona de prensa das fábricas de salgadura desta época consistía nunha fila de pedras con forma rectangular que, a través dunha perforación, eran atravesadas por unha longa travesa de madeira. Ao outro lado do listón colgábase un contrapeso que regulaba a presión exercida sobre o recipiente de madeira que contiña o peixe. Foi o método máis utilizado ata comezos do século XX, cando se substituiu por un sistema de placas metálicas. 

As mulleres da conserva (A Cepa, 2009)

Tendo citado en numerosas ocasións aos homes —sexan fomentadores, propietarios das factorías ou mariñeiros—, á hora de falar da conserva é obrigada á posta en valor do papel da man feminina. As mulleres levaron o peso desta gran industria, conciliando o seu duro traballo coas tarefas asociadas tradicionalmente ás nais, como é a crianza dos fillos ou a xestión do fogar.

 

O libro As mulleres da conserva (A Cepa, 2009) recolle os testemuños das traballadoras das factorías conserveiras da Península do Morrazo, tal e como o que segue:

As fábricas de conserva na zona do Morrazo deron moito traballo e foron a única maneira de tirar da fame de moitas familias (...) Todo o traballo nas fábricas era feito, case todo, por mulleres. Algún home había, pero poucos: o amo da fábrica, o encargado, o caldeireiro-fogoneiro, algún mecánico e pouco máis. Empezábase a traballar sendo moi nenas, algunhas con oito e nove anos, outras con doce ou trece. Nenas que se fixeron mulleres sen ter infancia vivida. Hoxe esas nenas son avoas, e se contan estas fatigas, case que ninguén as escoitan (...) As melloras que hoxe temos e que gozamos nas casas conseguíronas esas mulleres con moito sacrificio

Mercedes Bastón Bacelar, Fábrica de Chamadoira. Aldán. 

A desindustrialización

Como xa se mencionou con anterioridade, a escaseza de sardiña nas costas galegas foi un dos factores que propiciaron o colapso das grandes dinastías conserveiras. Aínda que esta crise supuxo, nun primeiro termo, o peche daquelas localizadas en ambas marxes da ría de Vigo, as da ría de Aldán non tardarían moito en cesar a súa actividade.

Doutra banda, ao analizar a actual desindustrialización da ría de Aldán cómpre ter en conta a mellora progresiva das comunicacións co resto do territorio, especialmente a partir da segunda metade do século XX. Neste contexto, a apertura da ponte de Rande en 1981 supuxo un fito clave ao reforzar a conexión entre o Morrazo e Vigo, reducindo de maneira significativa os tempos de desprazamento e intensificando a dependencia socioeconómica respecto da cidade, cun tecido industrial moito máis desenvolvido.

Este proceso viuse ademais reforzado pola mellora das vías interiores da península do Morrazo e a posterior construción da autovía AG-46 , que facilitou aínda máis a mobilidade e acelerou a integración funcional da comarca no área da cidade olívica.

Co cambio de século, desaparece a actividade conserveira que caracterizou durante séculos á vida social, económica e cultural arredor da ría de Aldán. Tanto as antigas fábricas de salgadura como as conserveiras caeron con frecuencia no olvido, das que apenas se manteñen algunhas ruinas ou, nalgúns casos, foron rehabilitadas e convertidas en complexos hosteleiros ou vivendas privadas. 

Rehabilitación da fábrica de Arís (Peirao de Aldán- C), convertida nun hotel

Estado actual da antiga fábrica de Ameixide

Antiga fábrica de Ameixide, Pinténs I JAVIER RODRÍGUEZ
bottom of page