Fernando González é o asistente técnico da Confraría de Pescadores San Cipriano

Navalla, ourizo, ameixa, percebes, e outros recursos mariños pasan pola xestión de Fernando González, que planea a súa explotación xunto aos profesionais do sector.
Leva 17 anos traballando na Confraría de Pescadores San Cipriano, que agrupan aos mariñeiros e mariscadores que traballan na ría de Aldán. Ademais, tamén ofrecen un servizo de lonxa para vender o produto extraído.

O sector pesqueiro enfróntase hoxe a unha morea de desafíos que chegan desde diferentes frontes, mesmo desde o propio sector. Fernando pon o foco nun dos máis complexos: a contaminación do ecosistema mariño. Así, incide nos efectos que provocan problemas como o cambio climático, os vertidos da rede de saneamento e tamén a actividade humana, tanto a derivada do traballo no mar como no lecer.
As augas residuais están a lastrar de maneira significativa a produtividade da ría. Malia que o rápido tempo de renovación das augas e a baixa densidade de poboación sempre foron un distintivo de calidade fronte a outras rías galegas —máis afectadas pola actividade humana e pola concentración urbana—, os vertidos recorrentes de augas fecais dificultan cada vez máis a extracción e comercialización dos recursos mariños, xa que supón un maior proceso de depuración.
O pasado mes de abril, o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (INTECMAR) comunicou a perda da “Categoría A” na ría de Aldán, unha clasificación que determina o nivel de contaminantes presentes nas zonas de produción marisqueira.
Vídeo propio. Autoría: Javier Rodríguez
Elaboración propia. Fonte: INTECMAR, Fernando González
Deste xeito, tanto o marisqueo como o cultivo en bateas, vése afectado pola problemática das verteduras de augas residuais: canto maior é a carga de bacterias fecais no produto mariño, máis intensivo será o proceso de depuración que ten que pasar para ser comercializado e, polo tanto, menor rendibilidade obteñen os traballadores do sector.
Fernando salienta tamén a inmediatez que supón unha zona de clase A xa que, ao non ter que depurar o recurso, permite responder cunha maior urxencia ás demandas dos clientes.
Limitar os fondeos
A confraría de pescadores San Cipriano, co obxectivo de garantir a continuidade da pesca artesanal, subliña a necesidade de tomar accións que protexan o ecosistema e o fondo mariño. Nesta liña, xunto á plataforma cidadá Augas Limpas, dirixen a súa atención cara a praia de Arneles.
As augas tranquilas e o espazo privilexiado de Arneles atrae a centos de embarcacións de recreo cada verán, que fondean no areal de forma masiva. Co obxectivo de coñecer o impacto desta práctica tan estendida na praia do Hío, Augas Limpas impulsou distintas inmersións de mergulladores coa intención de avaliar o estado do fondo mariño nesta zona.
A consecuencia que consideran máis preocupante é a ausencia de pradeiras de Zostera.
Vídeo propio. Autoría: Javier Rodríguez
Fernando destaca a importancia deste tipo de hábitats para o desenvolvemento da fauna e flora mariña, que pretenden preservar intentando que se limiten os fondeos.

Praia de Vilariño, O Hío I JAVIER RODRÍGUEZ
O futuro incerto da pesca artesanal
Tras 17 anos no sector, xestionando os plans de explotación de distintos recursos mariños, Fernando fai balance dos principais cambios na produtividade, así como nas prácticas pesqueiras máis ameazadas no futuro:
“No marisqueo a pé si que se notou unha baixada moi elevada de produtividade. Previsiblemente, é un plan que vai morrer dentro de pouco".
"Ademais de cuestións como o cambio climático —que inflúe no tempo de renovación da ría e, polo tanto, na riqueza nos nutrintes—, reduciuse moito o número de mariscadoras".
E isto pode chocar, pero o mar é como o campo, para que produza hai que traballalo e traballar o sustrato”, explica Fernando.
“Despois, tanto dentro da ría como fóra, o peixe foi a moito menos, en todas as especies: pescada, faneca, bonito do atlántico, etc. Por iso, cada vez, hai menos barcos que vaian ao aparello. Cando eu entrei na confraría era normal que un barco trouxera 100 ou 150 kg de pescada, agora ao mellor temos 5 kg de pescada en todo o ano, porque se non hai pesca os barcos non van a ela”, sinala o biólogo.
Ademais, recoñece que a pesca artesanal está a ser substituída progresivamente pola industrial que, segundo Fernando, resulta “moito máis prexudicial”. Se ben sinala que a industrial —en termos xerais— permite aos mariñeiros obter maiores beneficios, defende que “a pesca artesanal é totalmente sustentable que non vai a acabar nunca cun recurso, tanto polos medios que emprega como polo xeito de pescar”.
Tamén, no relativo aos efectos do cambio climático, González salienta a incerteza do sector sobre o futuro do marisco de cuncha —como a ameixa ou a navalla— no caso de elevar a súa mortalidade catastrófica: “Por exemplo, este ano, todo o marisco que morreu coas chuvias intensas. Xa hai puca xente traballando, se os episodios adversos quitan recursos, está claro que o relevo xeracional na pesca artesanal está claramente compromeditdo”.
Sen aventurarse a concretar unha predición sobre a deriva do sector, Fernando recoñece que a falta de relevo xeracional, entre outros factores, pon en xaque a continuidade da pesca artesanal.
