top of page

Mª Mercedes Villar preside a Asociación de Veciños Terra da Laxe en Pinténs 

DIBUJO_MERCHI.png

'Merchi' naceu e criouse no Hío, no lugar de Pinténs. A preocupación polas problemáticas que afectan á veciñanza herdouna do seu pai, que formou parte activa da asociación veciñal da súa aldea desde a súa fundación.

Co paso dos anos, foi testemuña da crecente inquedanza dos habitantes de Pinténs pola saturación das vías, que bloquea os camiños durante o período estival e dificulta o tránsito e a vida cotiá da comunidade local. 

PORTADA_MERCHI.jpeg
Vídeo propio. Autoría: Javier Rodríguez

O exceso de tráfico durante o período estival provoca diversas complicacións, como a dificultade de acceso para os vehículos de emerxencia, como ambulancias, no caso de producirse unha situación crítica. Merchi sinala que, aínda sendo unha cuestión complexa de regular e tendo todo o mundo dereito a desfrutar das praias, a veciñanza non se sente segura. O trazado estreito dos accesos e a escaseza de estacionamentos xeran tensións constantes durante o verán, que resultan en mobilizacións por parte da xente do lugar.

 

Neste senso, suscitou especial controversia a protesta organizada hai dous veráns nun paso de peóns no Hío, na que os veciños cortaron o tráfico cruzando continuamente a vía e impedindo o tránsito dos coches como xesto de reivindicación. A mobilización suscitou todo tipo de reaccións nos medios de comunicación, moitos dos cales a comentaron en ton humorístico. 

Vídeo de: Zapeando. Incrustado da web de La Sexta 

Merchi defende a lexitimidade da protesta, coa que lograron a repercusión que buscaban, aínda que tamén suscitou reaccións desfavorables nas redes sociais por parte de quen defende os dereitos dos turistas.

 

Se ben Merchi comprende a vontade dos visitantes de aproveitar a fermosa paraxe das rías galegas, tamén considera que o modelo turístico actual a —sen un control do tráfico e coa conseguinte obstaculación da atención sanitaria— non respecta os dereitos das persoas que habitan as zonas costeiras durante todo o ano. 

 

Nesta liña, sinala que as condutas incívicas de certos visitantes de día acaban por deixar en segundo plano o comportamento respectuoso da maioría. Ademais, tal e como está a acontecer noutras zonas turísticas do país e do mundo, os espazos máis reducidos satúranse moi por enriba da súa capacidade debido a un efecto chamada amplificado, en grande medida, polos medios de comunicación e polas redes sociais.

PLAXA.mp4
Praia de Menduíña en Semana Santa I JAVIER RODRÍGUEZ

“Haberá máis problemas, porque isto está medrando. Os medios máis serios, sobre todo os xornais dixitais, están anunciando que isto é un paraíso perdido. Isto era un paraíso perdido hai moitísimos anos. Non podo decir desde cando, pero isto para nada é un paraíso perdido. As redes sociais están a causar estragos. O aluvión cada ano é maior”. 

Praia de Vilariño en Semana Santa I JAVIER RODRÍGUEZ

Ademais de cuestión da masificación e os vertidos de augas residuais —cuestión na que tamén están comprometidos a través da colaboración coa plataforma Augas Limpas—, outro dos factores nos que os veciños tamén poñen o foco é na acumulación de residuos. “Hai moita xente que ven da praia e deixa as bolsas de lixo polos camiños, ou nos chiringuitos, multiplicando o traballo dos donos. Camiños con bolsas nas cunetas, ás veces dentro da propiedade de alguén, e tamén xente agochándoa onde non o vexamos e baixando de novo á praia”, afirma a presidenta  da asociación veciñal. 

A solución que semella non existir

Unha das solucións que reclaman as asociacións veciñais é a mellora do transporte público como vía para desconxestionar o tráfico.

 

Merchi destaca que o verán pasado xa se deron pasos cara á mellora da comunicación entre as aldeas que rodean a ría de Aldán e cidades como Vigo ou Pontevedra. Porén, sinala que a frecuencia deste servizo foi insuficiente e pouco práctica para xerar un impacto real. Aínda así, agradece a intención do Concello de Cangas do Morrazo de solicitar máis liñas en “horarios máis prácticos” de cara ao próximo verán. 

bottom of page