Luis Pérez e Anxo Coya recompilan e comparten material arquivístico do patrimonio histórico da ría de Aldán

Os que un día foron mestre e alumno, Luis e Anxo, comparten hoxe un interese común pola consulta de documentos de arquivo na procura de información sobre os seus devanceiros.
Ambos proceden de familias vinculadas á tradición conserveira da zona. No caso de Pérez, a súa orixe está ligada a liñaxe familiar que chegou a posuír distintas fábricas de salga emblemáticas na contorna da ría; mentres que, no de Coya, tanto a súa nai como a súa avoa traballaron na coñecida fábrica conserveira de Ameixide.

Co obxectivo de contribuír á preservación da memoria histórica local, ambos impulsan iniciativas centradas na difusión do patrimonio histórico e cultural. Así, mentres Luis Pérez recompila e organiza publicacións e materiais de arquivo sobre a península do Morrazo —incluíndo os concellos de Cangas, Bueu e Moaña— a través dun arquivo web (arquivomorrazo.org), Anxo Coya colabora frecuentemente co xornal Faro de Vigo, onde publica artigos que afondan en diferentes aspectos do pasado do Hío.
Unha das cuestións que motivou a Anxo a continuar indagando na historia da parroquia do Hío e a de Aldán foi o desacordo popular na atribución da autoría do Cruceiro do Hío.
Este monumento escultórico esculpido en pedra escenifica o desencravo de Cristo e data do ano 1872. Constitúe unha das máis emblemáticas mostras deste tipo de monumentos, característicos da arquitectura tradicional galega.
Vídeo propio. Autoría: Javier Rodríguez

Cruceiro do Hío (1872) I JAVIER RODRÍGUEZ
“Xusto cando se cumpliu o 125 aniversario do cruceiro do Hío organizáronse aquí unhas charlas. Daquela era o investigador Eugenio Eiroa quen estaba a defender a autoría do cruceiro do Hío a favor de Ignacio Cerviño. Pero había unha controversia, poque outros defendían que o canteiro José Cerviño García, da mesma parroquia e co mesmo apelido, fora o presunto escultor deste cruceiro. Naquel tempo non se chegou a máis que a unha pequena rifa entre uns e outros”, recorda Coya.
O cronista e historiador cangués Eugenio Eiroa Hermo, falecido no 2009, dedicou un grande esforzo ao estudo e investigación do Cruceiro do Hío e a súa autoría. Así, recompilou diferentes documentos que constatan a presenza do canteiro Ignacio Cerviño na parroquia durante os anos nos que se elaborou dita obra.
Do mesmo xeito, a autoría de Ignacio Cerviño se recoñece en esculturas posteriores noutras parroquias do Morrazo. Tal e como salienta Luis Pérez, o coñecido como Panteón de Ranqueta —construído para o seu tataravó Joaquín Francisco Graña no cemiterio de Cangas— non presenta ningunha incerteza arredor da súa autoría, que se lle atribúe a Ignacio inequivocamente. Pérez recorda que na súa familia nunca se dubidou da autoría do Cruceiro do Hío: “Cando era pequeno pateei todo o Concello de Cangas co meu avó e daquela —cando non había ningunha polémica entre si o cruceiro o esculpira un ou outro mestre— recordo que me dicía: este panteón que temos na familia foi construído polo mesmo escultor que o do cruceiro do Hío. O meu avó, agora soterrado no mesmo mausoleo, naceu no século XIX, sendo aínda máis próximo á data da escultura”.
Pola súa parte, Anxo Coya recolleu o relevo de Eugenio Eiroa na investigación do destacado cruceiro. Nesta liña, coa única intención de coñecer máis sobre a vida dos dous mestres —tanto de Ignacio como de José Cerviño— comezou a documentarse e asesorarse con outros investigadores arredor do material arquivístico parroquial. Publicou diversos artigos sobre a historia da zona, especializándose no Cruceiro do Hío. Isto levouno a ser galardoado en 2019 co premio do Concello de Cangas á recuperación ou promoción do patrimonio, precisamente chamado o Premio Ignacio Cerviño.
Vídeo propio. Autoría: Javier Rodríguez
O patrimonio industrial
O interese de Luis e de Anxo vai máis aló das manifestacións artísticas da zona, xa que tamén recompilan distintos materiais que permiten reconstruir o pasado dunha comarca estreitamente ligada á actividade pesqueira.
A conserva do peixe, realizada nun primeiro intre a través da salga e posteriormente en lata, impulsou a vida socioeconómica na península do Morrazo durante séculos. Luis Pérez é descendente de importantes familias que fomentaron esta industria, como os Bolívar, que rexentaron a fábrica de salgardura da praia de Menduíña; os Massó, que chegaron a posuír a maior fábrica conserveira en Europa no momento, ademais dunha importante actividade baleeira; ou os González Arís, que posuíron a salga do lugar de Espiñeira.
Á hora de comprender a relevancia da actividade empresarial dos devanceiros de Luis, xunto co imprescindible labor da man de obra das factorías locais, resulta necesario trazar unha liña temporal que amose a longa herdanza dunha forma de vida profundamente vinculada ao mar. Nesta liña, tanto Coya como Pérez comparten distintos escritos, contratos laborais e outros materiais que manteñen viva a memoria laboral e industrial arredor da ría de Aldán.

